Skip to main content
Kiko Da Silva

Levo media vida mirando o mundo a través da retranca. É algo que nos atravesa, que está na maneira que temos de falar, de calar e de dicir sen dicir. No meu caso, ademais, sempre estivo moi ligada á figura de Castelao, a quen volvo unha e outra vez, non só como autor, senón como forma de entender o país. RETRANCOS nace xusto dese cruce: da necesidade de dialogar con el desde hoxe, de preguntarme que pasaría se esa mirada seguise activa no século XXI.

Porque, sendo sincero, o máis complicado deste libro non foi debuxar “como Castelao”. Iso sería o máis superficial. O verdadeiramente difícil foi tentar pensar como el: colocarse nese punto de vista, nesa maneira de observar Galicia, de detectar as súas contradicións e de falar delas con retranca. Levar iso ao presente, aos temas que nos atravesan hoxe, e facelo sen caer nin na imitación nin na parodia. Actualizar esa mirada sen que perda a súa esencia.

E iso tamén afectou á escolla dos temas. Cando me puxen a pensar que contaría Castelao hoxe, tiven claro que non se limitaría só ao que pasa aquí. Era unha persoa informada, atenta e profundamente sensible ao que acontecía no mundo. Por iso tentei abrir o foco: imaxinar que tamén falaría de conflitos como Gaza, de polémicas políticas como a de Dina en Valencia ou de situacións internacionais como o secuestro de Nicolás Maduro. Porque a súa retranca non era allea ao mundo, era unha ferramenta para interpretalo.

Este libro é, en realidade, unha pregunta: que faría Castelao hoxe? Como debuxaría? Sobre que temas poñería o foco? A min interésame moito ese xogo, ese diálogo entre o pasado e o presente. Non quería facer unha homenaxe solemne, nin tampouco unha copia. O que me apetecía era coller ese espírito —esa retranca tan fina, tan nosa— e traela ao tempo no que vivimos.

Ao longo das páxinas de RETRANCOS intento iso: reinterpretar, actualizar e tamén xogar. Hai respecto, por suposto, pero tamén hai liberdade. Porque creo que a mellor maneira de manter vivo a Castelao é facelo dialogar co presente, deixalo respirar no século XXI.

Este proxecto non existiría sen a revista Luzes, onde publiquei mes a mes estas viñetas durante tres anos. Unha revista coa que comparto non só unha maneira de traballar, senón tamén unha forma de entender a cultura: próxima, independente e conectada coa xente. Por iso decidín lanzar unha campaña de crowdfunding en Verkami para poder facer unha edición á altura, moi coidada na miña pequena editorial Retranca. Non é só unha cuestión económica —aínda que imprimir un libro sempre require un esforzo importante—, senón tamén unha forma de implicar á comunidade.

Gústame pensar que quen apoia RETRANCOS non está só mercando un libro por adiantado, senón formando parte del. Axudando a que exista. Facendo posible que estas ideas pasen do papel do estudo á tinta impresa.

Estamos nun momento no que facer cultura desde aquí, en galego e con liberdade, require buscar camiños alternativos. O micromecenado é un deles, e ademais permítenos crear unha relación máis directa coas lectoras e lectores.

Así que iso é RETRANCOS: un diálogo con Castelao, un xogo serio coa retranca e tamén unha invitación. Se vos apetece acompañarme neste proceso, podedes facelo a través da campaña en Verkami. Porque, ao final, este libro tamén vai ser un pouco voso.