LIMIAR
Por litigación estratéxica habemos entender a xeración de litixios ou procedementos xudiciais que, alén dos efectos a respecto do caso concreto, produce ou proxecta os seus efectos a respecto do exterior, producindo remudas sistémicas. quer na lexislación, quer na xurisprudencia, quer no deseño e aplicación das políticas, quer na doutrina xurídica. O litixio estratéxico serve parta defender os dereitos da/s persoa/s ou entidades promotoras ou suxeitos pasivos da acción xudicial ou proceso xudicial correspondente, máis alén diso tenta reforzar, afirmar, clarexar oun ampliar os dereitos de terceiros alleos aos efectos entre as partes da sentenza ou resolución que lle poña o ramo ao proceso xudicial correspondente e/ou modificar o marco normativo ou a liña xurisprudencial aplicábeis ao caso concreto obxecto de litixio.
No ámbito dos dereitos humanos é salientábel a litigación estratéxica de Amnesty International, que tentan apoiar e/ou defender non só ás vítimas de determinadas violacións dos dereitos humanos, senón tamén ás persoas defensoras de dereitos humanos co obxecto de mudar as leis e políticas e concienciar ás cidadanías a respecto de determinadas situacións de inxustiza. Velaí o seu activismo xudicial, no caso do Tribunal Supremo do Reino Unido na defensa do dereito ao aborto na Irlanda do Norte ou no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra Romenía e Lituania por entregas ilegais de persoas supostamente implicadas no 11-M de 2001 á CIA.
ALICERCES NORMATIVOS E XURISPRUDENCIAIS. A MINORIZACIÓN E SUBORDINACIÓN DO GALEGO.
É indibidábel que o artigo 3 da Constitución artella un marco constitucional moi desigual a respecto do castelán (lingua oficial do Estado da que toda a cidadanía tn dereitod e a usar e obriga de a coñecer) as demais linguas oficiais consonte con cadanseu Estatuto (catalán na Catalunya, les Illes e Paìs Valencià, euskera en Euskadi e, consonte coa propia lexislación navarra, aranès no val de Arán, da Catalunya) e as demais modalidades lingüísticas no Estado, que constitúen patrimonio cultural digno de protección (aragonés, asturiano, galego nas Asturies, Castela-Lerón e Extremadura).
Este artigo constitucional constituíu o alicerce para as tres STC que declararon a inconstitucionalidade parcial de cadansúa lei de normalización lingüística galega, catalá e vasca canto cadanseu deber de coñecemento de cadansúa lingua. E, de certo, están tras dos artigos 142 LAC e 15 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das AA.PP: (LPAC), que tentan “excepcionalizar” o uso do galego e demais linguas nacionais oficiais cunha redacción normativa que ven delimitar unha lingua preferente doutras de uso ocasional e reactivo, a pedimento de parte e sempre que non xere indefensión.-
Cómpre salientar que este desenvolvemento normativo en leis estatais e o feito de que na meirande parte do territorio do Estado só se use o castelán desenvolver de seu unha inercia moi poderosa que se proxecta á práctica xudicial, forense e administrativa mesmo nos países con lingua propia oficial.
Estes alicerces constitucionais e desaquelados desenvolvementos normativos nas leis reguladoras dos procedementos xudiciais e administrativos reciben outro tratamento na lexislación galega e dos demais territorios con lingua propia oficial. Deste xeito, segundo o artigo 5 do Estatuto de Galicia: i) o galego é a lingua propia de Galicia e cooficial e todos os galegos temos o dereito de coñecelo e usalo e ii) os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial das dúas linguas e potenciarán o uso do galego nas ordes todas da vida pública, cultural e informativa e haberán facilitar o seu coñecemento.
A Lei 3/1983, de normalización lingüística alargou este réxime estatutario recoñecendo a única validez oficial da toponimia galega, a plena oficialidade do galego nas Administracións autonómica e locais de Galicia, o pleno dereito de uso do galego en calquera circunstancia ou situación profesional, persoal, laboral ou administrativa, o carácter de mérito preferente do coñecemento do galego para prover os postos da maxistratura, fiscalía, letrados da administración de xustiza, notarios e rexistradores e a necesidade de avaliar o grao de coñecemento do galego e do castelán para cada nível profesional na normativa de acceso ás Administracións autonómica e local. Esta Lei tamén obriga á Xunta a promover progresivamente o uso do galego no ensino e na Administración de Xustiza (garantindo o dereito de toda parte ou interesado a ser notificado na súa lingua de escolla), mais renunciou, na mesma e no seu desenvolvemento normativo ulterior a garantir obrigas concretas e medíbeis no coñecemento e no uso do galego para colectivos e áreas de actividade medíbeis.
O Tribunal Constitucional, na súa STC 84/1986, de 26 de xuño, declarou inconstitucional o deber de coñecemeento do galego e consagrou, xa que logo, a minorización e subordinación xurídico-constitucional da lingua galega. Porén, tanto nesta sentenza, como na sentenza 337/1994 recoñécese un concepto xurídico potente como é o de “lingua propia”, como lingua oficial de uso xeral, non exclusiva nin excluínte, recoñecendo esta xurisprudencia unha situación obxectiva de minorización que cómpre atender progresivamente a medio de políticas de discriminación positiva até o día indeterminado no que se acade o equilibrio entre as dúas linguas oficiais do territorio en cuestión”. Velaquí o límite máis benigno da xurisprudencia constitucional que adoito foi corrixida á baixa polo Tribunal Supremo.
Ao tempo, a proscrición constitucional por calquera circunstancia persoal ou social (e, xa que logo, por mor da lingua) do artigo 14 da Constitución, o dereito á tutela xudicial efectiva dos dereitos e intereses lexítimos do artigo 24 (que a xurisprudencia constitucional ampliou á tutela administrativa dos mesmos), o mandato aos Poderes Públicos para desenvolver políticas antidiscriminación para acadar a efectividade da igualdade e liberdade dos “individuos e grupos nos que se integran” e, sobre todo, o mandato dos artigos 10.2 e 96 da Constitución de incorporación dos Tratados internacionais ao Dereito estatal e de interpretación da normativa constitucional no eido dos dereitos fundamentais e liberdades públicas consonte aos tratados internacionais subscritos polo Estado español, canda a ratificación co máis alto nível de protección polo Estado a respecto da carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), no 2001 constitúen un elenco normativo non curto para a defensa, que non a garantía dos dereitos lingüísticos.
Como xa somos quen de albiscar a xurisprudencia constitucional recoñeceu un ámbito importante para as políticas de discriminación positiva a prol da lingua. Un ámbito que mesmo xustifica políticas de inmersión lingüística no ensino mentres se dea a situación de minorización para a que a devandita xurisprudencia recoñece a lexitimidade destas políticas. Mais a lexislación galega, quer educativa, quer de función pública ou de consumo sempre ficaron no ámbito das declaracións voluntaristas e nunca chegaron aos deberes concretos tanto para as Administracións Públicas como para as empresas e entidades privadas, quizais coas excepcións da normativa toponímica e da lexislación local, primeiro na Lei 5/1988, do uso do galego nas entidades locais, hoxe inserida na Lei 5/1997, da Administración Local de Galicia (LALGA).
Se a isto lle engadimos as 500 normas que impoñen o uso prioritario do castelán na vida pública de produción e distribución de bens de consumo e de consumo, que teñen reflectido Carlos Callón (“O libro negro da lingua galega; Xerais, 2022) e Marcos Maceiras&Elsa Quintas (“Liberdade para o galego”; Edics. Laiovento, 2024) e o mainstream de que o estado ten unha única lingua e cultura e galego, catalán, euskera e outras linguas constitúen excepcións máis ou menos incómodas (cosmovisión presente nos aludidos artigos 142 LAC e 15 LPAC) e ogallá que non permanentes que cómpre “sobrellevar”.
Velaí a dupla razón pola que, nun país que hai 50 anos presentaba unha moi ampla maioría de galegofalantes (malia que con moi baixas porcentaxes de uso oficial e nos rexistros cultos e de coñecemento da escrita) esteamos a distinguir entre litigación estratéxica para a afirmación da lingua e litigación estratéxica para a protección e garantía dos dereitos lingüísticos dos usuarios da lingua. Porque o desleixo normativo de 40 anos de gobernos e maiorías parlamentarias autonómicas (agás o goberno de coalición BNG-PSdeG, que quitou adiante o Decreto 24/2007, que garantía un mínimo do 50% do uso do galego como vehicular no ensino) e o mainstream españolista, nomeadamente activo dende o segundo goberno Aznar (2000-2004) potenciaron o discurso do “dereito a vivirmos en galego” e da garantía dos dereitos lingüísticos fronte á esixencia de políticas potentes de discriminación positiva, ben admisíbeis no marco da xurisprudencia constitucional fixada para o galego polas devanditas STC 37/1986 e 337/1004.
OPORTUNIDADES DA LITIGACIÓN ESTRATÉXICA CARA A FIN DE 2024.
1.- A Sentenza do TSXG (Sala do C-A) de 07.11.2022, definitiva en Dereito dende a inadmisión a trámite polo Tribunal Supremo (TS) do recurso de casación interposto pola recorrente.
Esta sentenza, do relatorio do maxistrado Luis Villares, define unha liña xurisprudencial non totalmente novidosa, mais si alicerzada nun enfoque mais moderno e garantista tanto dos dereitos lingüísticos, como do mandato de normalización da lingua propia da LNL e da LALGA para as entidades locais. A sentenza rexeitou na súa totalidade o recurso da entidade supremacista Hablamos Español contra a Ordenanza municipal do uso da lingua galega no concello da Coruña (BOP 22.06.2021).
Salientamos as seguintes notas:
a. A sentenza enxerga un réxime de cooficialidade co centro de gravidade na lingua galega, consonte coa devandita Sentenza 337/1994, mais nomeadamente coa STC 117/2022, de 29 de setembro, que recoñeceu a posibilidade de impoñer deberes xenéricos ás empresas catalás para poder atender ás persoas consumidoras. en catalán. Dende esta perspectiva elddue a prohibición da expresión “uso preferente (Sentenza 31/2010, que declarou parcialmente a inconstitucionalidade do novo Estatuto catalán de 2006), mais recoñece como termos acaídos para a definición dos usos lingüísticos no concello coruñés os de uso “normal” “prioritario” e “principal” e cadanseus adverbios derivados.
b.Na relación do concello coas empresas provedoras, contratistas e concesionarias a sentenza considera legal a imposición de deberes de uso lingüístico ás mesmas (atención á clientela, redacción de proxectos, estudos, informes, documentación contractual), baseándose i) na relación especial de suxeición, allea ao ámbito do exercicio de opción lingüística, ii) á recepción na lexislación estatal e autonómica de contratación pública dos principios da directiva europea de contratación pública de calidade e proximidade contractual, avaliación cualitativa de cláusulas éticas, tamén aplicábeis á atención lingüística-contratación pública lingüísticamente responsábel expresamente recoñecida na STS 250/20178, de 14 de febreiro para o euskera e iii) no propio concepto de cooficialidade co centro de gravidade no galego que posibilita a devandita STC 117/2022.
c. Os mesmos criterios permiten o uso prioritario, principal e norma do galego na sinaléctica e documentación municipal e máis o uso do galego por parte da Alcaldía, concelleiros e persoal directivo non só na Galicia, senón no ámbito lingüístico galego, concepto no que se integran as áreas onde se fala galego do Eo-Navia, o Berzo e a Seabra.
A recepciön desta doutrina xurisprudencial, validada polo propio TS, danos grandes oportunidades: i). modificar as Ordenanzas Municipais dos usos lingüísticos para garantir o mesmo nível de protección da lingua e dos dereitos dos seus utentes recoñecidos na Ordenanza coruñesa, ii) usar da reivindicación política e social e do continuo exercicio do dereito a ser atendido en galego en todos os ámbitos da persoa consumidora (notarías, contratación seguros, enerxía, auga, atención nos comercios…). Dereito a ser atendido en galego e ou de escoller o galego para a súa información, recoñecido na Lei galega 2/2012, de 28 de marzo, de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, parta aquelalo ao réxime catalán declarado expresamente constitucional polas Sentenzas 117/2022 e 88/2017 e iii)=Requirir, aproveitando ademais a recentemente gañada preeminencia dos convenios colectivos autonómicos e provinciais sobre os estatais a introdución de cláusulas de “·responsabilidade lingüística” que amplíen no ecosistema das empresas e dos sectores empresariais o uso normal ou mesmo prioritario e/ou principal do galego por parte das persoas traballadoras e directivas.
2.- Lei Orgáuica 5/2024, de 11 de novembro
Acadará vixencia o vindeiro día 4 de decembro. Recoñece o dereito de todas as persoas que sexan parte ou interesado a usar o galego perante a chamada “Audiencia Nacional” e o Tribunal Supremo, así como recibir en galego as comunicacións producidas, facendo viábel o dereito xa recoñecido na nosa LNL de 1983.
Ábrese, xa que logo, un amplo abano para a litigación estratéxica a medio da interposición de solicitudes e incidentes procesuais que reclamen e fagan visíbel este dereito de ser notificados de toda caste de resolucións xudiciais en galego. Poderá ser fulcral para que as >Xunta enfronte a tantas veces adiada elaboración das aplicacións informáticas que posibiliten a xustiza en galego.
3.- Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea
A primeira delas atende á protección tanto do galego como lingua como dos dereitos lingüisticos dos seus utentes consonte co máximo nível de protección asumido polo Estado. Ë o Comité de expertos, nomeado polo Comité de Ministros do Consello de Europa, o que informa periódicamente das deficiencias da lexislación e praxe dos Poderes públicos do Estado.
Cómpre salientar as oportunidades de litigación estratéxica en dous chanzos: i) reclamacións por dereitos lingüísticos consonte cos procedementos de protección dos dereitos fundamentais, quer civís, quer laborais, penais ou c-a e os propios de amparo constitucional-e presentación en calquera órgano xudicial de cuestión de constitucionalidade e ulterior recurso ao TEDH de Strasbourg, pois que o Convenio europeo de dereitos habería ser completado canto á protección contra a discriminación pola Carta e polos seus periódicos criterios de interpretación e ii) periodificar os contidos da litigación estratéxica lingüística consonte ao sinalado polo Comité de expertos na tempada correspondente; isto quere dicir que agora sería prioritarios os eidos da administración de xustiza, da administración xeral do Estado e da atención socio-sanitaria.
Canto á Carta de Dereitos Fundamentais da UE (2000), garante o dereitos de toda a cidadanía europea a ser escoitada .a acceder ao expediente que lle atinxa e a se dirixir e ser tratada na súa propia lingua. Este dereito é invocábel perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea a medio do presentación de cuestións prexudiciais perante calquera órgano xudicial do Estado en calquera caste de procesos xudiciais.
Xoán Antón Pérez-Lema
Avogado. “Socio-Director de Pérez-Lema, Avogados e Consultores”



