Skip to main content
Ana Iglesias Álvarez

En Galicia, temos a posibilidade de criar nenos e nenas bilingües e, a partir dese bilingüismo inicial galego-castelán, ir engadindo linguas estranxeiras. Na nosa comunidade, contamos cunha base moi importante de galegofalantes. Segundo os datos do IGE (2023), preto da metade (o 46%) dos galegos e galegas falamos só ou máis galego no noso día a día. Ademais, o 93% da poboación entende a lingua galega (moito ou bastante), polo que non imos ter problemas de comunicación por usala a cotío. Un alto 83% dos galegos e galegas declaramos ser quen de expresarnos na nosa lingua, cunha competencia bastante ou moi alta. Por outra parte, desde o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1996, os estudos indican que as actitudes cara ao galego son positivas e máis aínda nas novas xeracións. Temos unha industria cultural en auxe en canto á música, o teatro, o cine e a literatura, con moitas obras en galego premiadas a nivel nacional e internacional. As novas ferramentas de Intelixencia Artificial ofrecen a opción en galego, se así llo pedimos. Desde o bilingüismo galego-castelán, temos acceso a todo o mundo lusofalante e hispanofalante, é dicir, a unha parte moi ampla da poboación mundial. Ser bilingüe desde a infancia implica toda unha serie de vantaxes para o individuo, en canto ao proceso madurativo lingüístico e neuronal, e o bilingüismo máis rápido de acadar en Galicia é o bilingüismo galego-castelán.

En definitiva, incorporar o galego ás nosas vidas e ás das nosas crianzas implica moitos avances e aspectos positivos: toda unha serie de vantaxes! Daquela, por que desaproveitar esta oportunidade que nos dá vivirmos aquí, nun país que nos ofrece “amablemente” dúas linguas xa de partida? Por que hai nenos e nenas que entran na escola falando galego e, en pouco tempo, saen falando castelán? Por que hai rapaces e rapazas que só falan galego na familia, mentres que empregan o castelán coas amizades, nas actividades deportivas, cos profesores, cando xogan on-line? Por que hai proxenitores galegofalantes, polo menos nalgúns ámbitos das súas vidas, que educan os seus fillos só en castelán? Por que hai mozos e mozas que cambian do galego ao castelán cando entran no instituto ou na universidade, mozos e mozas que só escoitan música en castelán ou inglés, ou que só se comunican nas redes sociais en castelán? Escollemos libremente renunciar a unha lingua, podendo ter dúas? Esta renuncia é resultado da “liberdade de elección”? Ou, en moitos casos, todo o que nos rodea exerce unha presión para afastarnos do galego?

Con tres ou catro anos, escoito os meus pais falar galego, pero vexo os meus debuxos preferidos en castelán, o meu mestre ou mestra fala en castelán e tamén a maioría dos nenos e nenas da clase. Saio do cole e vou a música, pintura ou baloncesto e alí sigo escoitando castelán. Con 16 ou 18 anos, trasládome do lugar onde vivín toda a miña vida, en galego, e vou para a vila ou a cidade máis próxima para seguir estudando. Aquí, a maioría do profesorado fala castelán e coñezo amizades novas que tamén o falan, polo menos comigo (noutros espazos non o sei). Os meus cantantes favoritos falan castelán e en Instagram tamén é a lingua que máis aparece. Con trinta anos, teño un fillo ou unha filla e escoito que a única lingua importante para o seu futuro é o inglés, que o galego xa chega con que o aprendan no cole e que “soa raro” falarlles en galego aos nenos e nenas (xa o aprenderán). Que lingua escollerei “libremente” para integrarme nos contextos que me rodean ao longo da miña vida? Onde está ese 83% de galegos e galegas con moita ou bastante competencia para falar en galego? Onde está ese 46% que o fala de xeito exclusivo ou maioritario? Onde está a xuventude con tan boas actitudes cara á lingua? Por que estes datos que presentei ao principio, a pesar de parecer positivos, supoñen en realidade unha situación de “emerxencia” para a nosa lingua?

Porque os recentes datos do IGE (2023) son o resultado dunha evolución totalmente negativa para o galego, cunha perda continua de galegofalantes, moito máis acentuada nas novas xeracións. E isto a pesar de que, no inicio dos procesos de normalización lingüística en España, a raíz da entrada na democracia, eramos a comunidade coa maior proporción de falantes de lingua propia. Xa na historia recente, a cifra de 46% de galegofalantes actuais (IGE 2023), hai só vinte anos, era do 61%, supondo unha perda do 15% neste breve período (2003-2023). Canto á idade, o 83% das persoas con competencia para falar galego redúcese ao 67% na poboación de 5 a 14 anos. Incluso, no nivel de comprensión, ese alto 93% que é quen de entender o galego, neste grupo de idade baixa ao 86%. Polo tanto, a perspectiva histórica e comparada é a que fai saltar as alarmas e a que pon en evidencia o rotundo fracaso da política lingüística aplicada ata o momento, denominada polos expertos en lexislaturas anteriores de “baixa intensidade” e que agora podiamos cualificar mesmo como “regresiva”. En efecto, esta política lingüística non só non foi quen de deter o proceso de substitución lingüística do galego, senón que contribuíu a aumentalo. A falta de medidas decisivas en favor do galego é aínda máis grave no contexto actual, no que os factores castelanizantes de por si aumentaron, da man da globalización e a dixitalización. Así, por exemplo, no ámbito educativo, temos unha lexislación (Decreto do Plurilingüismo) que trata por igual o galego e o castelán e, de ser o caso, o inglés, sen aplicar medidas compensatorias para o galego, que protexan e potencien os galegofalantes, que en moitos centros están en clara minoría. Isto mesmo pode aplicarse ao resto de ámbitos, por exemplo cunha emisora de música (RadioGalegaMúsica) que emite a maior parte da súa programación en castelán. Todo isto, ademais, vai acompañado dun discurso institucional (nivel macro) no que se segue a falar da necesidade de priorizar a “liberdade de elección” lingüística, o que conduce ao uso do castelán na maioría dos casos, debido a que as circunstancias e as condicións “facilitadoras da conduta” presionan cara ao uso desta lingua. Así mesmo, séguenos chegando desde a Xunta un discurso que rodea o galego de connotacións negativas, remitíndoo a unha suposta “imposición” da lingua que sempre foi marxinada e afastada dos ámbitos de prestixio, nunha clara estratexia de inversión (discriminado por discriminador).

En lugar diso, necesitamos un discurso que ofreza argumentos en favor da aprendizaxe e o uso do galego, así como accións que visibilicen e empoderen os galegofalantes, de maneira que sexamos nós os que estendamos a nosa lingua e non á inversa. Aos que xa temos o galego, cómprenos exhibilo e estendelo, e os que aínda non o teñen, cómprelles aproveitar as persoas e contextos galegofalantes, para ir incorporándoo. Porque tampouco podemos quedar quietos, mentres esperamos que as políticas lingüísticas oficiais por fin reaccionen e apliquen medidas pro-galego, en lugar de continuar nesta deriva castelanizadora. Asistimos en moitos casos mesmo á ocultación dos e das galegofalantes, así como á falta de visibilización e difusión dos produtos e accións que se desenvolven na nosa lingua, na súa maioría dependentes do asociacionismo e a vontade particular e sen apoio dos poderes públicos. Fronte a isto, fagámonos ver e exhibamos a nosa lingua en todos os ámbitos da nosa vida, sen deixar de reclamar e esixir ao goberno un xiro que coloque o galego no centro das medidas de planificación lingüística. Só con todos os axentes actuando en favor do galego, tanto desde arriba (nivel macro, institucional), como desde abaixo (nivel micro, cidadá), seremos quen de levar a cabo a tan necesaria transformación social que a nosa lingua necesita.


Ana Iglesias Álvarez
Departamento de Filoloxía Galega e Latina
Facultade de Educación e Traballo Social. Campus de Ourense. Universidade de Vigo