Vai para vinte e cinco anos que a Muralla de Lugo foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO. A Mesa pola Normalización Lingüística sumouse a este recoñecemento, nunha feliz conxunción de historia, arte e futuro da lingua, a través dunha magnífica fotografía, a gran formato, do magnífico monumento do noso pasado romano, e o seguinte texto: MILENÁRIA PATRIMÓNIO DA HUMANIDADE CHEA DE FUTURO. E debaixo, en referencia cúmplice: LÍNGUA GALEGA.
Non, non se trataba de considerar a lingua galega unha peza do noso patrimonio cultural, senón de lle aplicar definidores perfeitamente acaídos a ela: o seu carácter de lingua nativa e nacional da Galiza, con centos de anos de existencia e pasado glorioso; a súa pertenza ao conxunto da humanidade, do planeta, en simetría con todos os seus povos e linguas, pertenza que certifica a pluralidade ínsita a ela, á humanidade; e, en fin, como exhortación fundamental, a proclamación da súa vida e do seu futuro.
Este dereito a un futuro digno –o que equivale a proclamalo e exercelo diariamente no presente– é algo que a MESA… vén reclamando e practicando desde a súa fundación. Hoxe, ante tanta confusión intereseira e tanto atentado contra a lóxica histórico-científica e contra evidencias básicas, seguimos relembrando algo tan elementar: o que cómpre é facermos o cómputo, a relación, de lugares e funcións onde o galego NON está, pudendo estar, non o daqueles redundantes e estáticos que inmobilizan calquer afán normalizador. Hoxe, continuamos a esclarecer o que é unha lingua normal: ubicua, multifuncional, autosuficiente, autorrenovábel, interclasista. Hoxe, proseguimos a denunciar que se fale moito máis DO galego que EN galego, como seguimos a demandar que as medidas contidas e aprobadas hai vinte anos (Setembro de 2004), no chamado Plan Xeral de Normalización Lingüística, se apliquen XA, como prólogo inapelábel de calquer modificación, mellora ou actualización necesaria do mesmo. Hoxe, en fin, continuamos a reclamar moita máis escrita para o galego da que existe, anémica, a nível social.
Non somos descontentadizos. Somos INCONFORMISTAS, que é unha cousa ben diferente. E sómolo, porque é moito aínda o camiño a percorrer para facer certos os estándares mínimos da tan nomeada normalización lingüística. Sabéndomos que se trata dun PROCESO á forza gradual e lento, mais que debe ser encarado XA na dirección favorábel ao aumento da presenza social e pública do idioma galego, con obxectivos temporalizados, previsión de avaliación continua, correctivos necesarios, campañas incesantes, eliminación de todos os atrancos represivos que pexan ou impeden directamente o uso do galego, uso institucional xeneralizado, obriga de todas as instancias públicas e de todos os meios subvencionados con diñeiro público de devolveren dignamente o uso do galego; respeito na Xustiza e na Sanidade; cumprimento do uso e dignificación do galego por parte da radio e da televisión públicas; utilización do galego como lingua vehicular no ensino, levantando cantos vetos existen para isto…
Non é un problema de “demanda”. É un problema dunha oferta inexistente, ritual ou limitadísima. Só así mudará a percepción pública, aumentará a motivación social e individual e cobrará máis importancia e visibilidade o uso normal, xeral, da lingua. Só así se rachará a fatal naturalidade que concede primacía á lingua oficial do Estado e o seu correlato da subordinación do galego. Saibámolo, porque, como afirmabamos hai vinte e cinco anos, a nosa é unha lingua chea de futuro. Futuro que debemos construír no presente.
María Pilar García Negro
Profesora honoraria da UDC e escritora