A lingua galega nas resolucións xudiciais: o síntoma
Para nos achegar á realidade do galego no eido da Xustiza ou do coñecemento xurídico, en ocasións rozando a rebeldía insolente de quen a empregamos, cómpre aplicarmos unha visión completa da materia, que poida contribuír a apuntar non só evidencias de uso senón tamén motivos desas evidencias, causas das mesmas, efectos…
Teimóns son, e son verdades obxectivas por desgraza xa coñecidas, os datos de emprego da lingua galega en resolucións xudiciais. En estatísticas do estudo realizado polo Consello Xeral do Poder Xudicial no ano 2021², as sentenzas emitidas en lingua galega apenas chegaban ao 0,2% das do coxunto do estado, sen variacións reais dentro da serie histórica estudada, mesmo, se se quere, con baixada para as sentenzas e cun número inferior de Autos con respecto ao 2017.

Cinguindo a análise só para o ámbito do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, onde potencialmente o 100% das resolucións poderían emitirse en lingua galega, as sentenzas no noso idioma non chegan ao 2,5%:

Mesmo con menos sentenzas en galego en 2020 que no ano 2010:

Cun réxime xurídico, aló menos estatal, idéntico, as resolucións ditadas en lingua catalá para o mesmo período chegaban a cifras sensibelmente superiores:

Mais como referíamos con anterioridade, non é a visión única destes datos o que nos achegará claves de abordaxe ou de razón dos mesmos. Cómpre evitar aproximacións simplistas, efectistas e de curto prazo nesta materia: non é abondo nin resolve demasiado traducir sentenzas do castelán ao galego ou xerar aplicativos de Intelixencia Artificial para mudar a lingua dunha resolución que, de orixe, é emitida en castelán. Cómpre preguntarse, se se quere, o porqué de ser emitida en primeiro termo nunha lingua distinta ao galego.
O galego no ensino xurídico: a causa (unha delas)
Estas explicacións comezamos a atopalas nas etapas escolares máis temperás, verdadeiros elementos desgaleguizadores da nosa poboación³; e con inercias que fican percorrendo o sistema educativo até o ensino universitario.
Por simple economía do espazo e por ser pretensión de quen redacta cinguir a exposición ao eido Xustiza, comezamos ca primeira manifestación deste: o Grao en Dereito. É neste punto onde inicia a fragua dxs operadorxs xurídicxs: da Fiscalía, da Avogacía e Graduadxs Sociais, da Xudicatura e de boa parte do funcionariado do país.
Pois ben, salientamos que, das nosas tres Universidades, só a de Santiago de Compostela parece recoller datos rigorosos sobre o uso das linguas no ensino, feito este xa sintomático da escasa atención e nula captación de recursos que ten o galego sequera na investigación real do seu uso. É a USC ademais acredora de levar o galego aos seus propios estatutos, nos que indica no inicio do seu artigo 3⁴:
- “A lingua galega é a lingua propia da Universidade de Santiago de Compostela.
- A Universidade de Santiago de Compostela potenciará e garantirá, no marco das súas competencias, o uso pleno da lingua galega en todos os ámbitos”.
Venturosos augurios para o galego na Decana das Universidades galegas, sendo que calquera que lera tal inicio consideraría apriorísticamente unha presenza forte do galego no ensino USC. Non podería esta hipótese ficar máis equivocada, polo menos coas ramas xurídicas do coñecemento.
O ensino en galego na docencia USC, en termos xerais, apenas alcanza o 25%, sen cambios apenas na serie histórica:

Na docencia en Dereito a porcentaxe sitúase no 26%, mais no Grao de Criminoloxía apenas se chega ao 15%. Nótese o seguinte dato, suficientemente elocuente por si propio: das 2.317,25 horas docentes da titulación de Relacións Laborais (campus de Lugo), son impartidas en lingua galega apenas o 0,22% delas.
A serie histórica tampouco reflicte cambios significativos, con porcentaxes mesmo inferiores ao inicio do cómputo hai xa dez anos:

Se nos situamos na docencia de Posgrao, o Mestrado “Dereito Trasnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais” ten unha porcentaxe de carga docente en galego dun 0%; mentras que o Mestrado de Acceso á Avogacía e Procura apenas supera o 13%.
Inmediata tradución destas porcentaxes é a evidencia seguinte: para o ano 2021, só unha persoa, entre máis de 6.400, fixo a proba de acceso á Avogacía en lingua galega⁵.
Pouca sorpresa podemos aplicar como sociedade, como sector profesional ou como activistas da lingua, ás cifras de uso en Sala, cando estamos xerando profesionais do Dereito con moi escasas ou nulas competencias lingüísticas no seu idioma propio, coa connivencia da Universidade que debe formalos e que se comprometeu formalmente a “potenciar e garantir” o galego en todos os ámbitos.
Co debido respecto á Institución (alma mater): onde está a potenciación do idioma cando, na serie histórica, a docencia en galego é menor que hai dez anos? Onde está a garantía cando existen Mestrados con “docencia cero” en galego e outros que non son quen nin de ficar na media da Universidade?
Este país ensina a ser xurista en castelán, ensina un pensamento xurídico case exclusivamente castelán, achega referentes xurídicos unicamente en castelán e non fomenta nin amaga sequera con conservar o uso do galego nas áreas xurídicas. A sensación que teña un/ha alumnx galegofalante na Universidade galega, na área xurídica polo menos, é que ese non é o seu lugar, que non pertence a esa rama do coñecemento e que, para chegar a algún lugar na profesión, debe mudar a súa lingua. E, por desgraza, non estaría esa sensación afastada da realidade xurídica diaria no país.
A realidade dx operador/x xurídicx galego-falante
O día a día de quen exercemos a nosa labor profesional en lingua galega, en termos xerais que deixan a salvo as exiguas excepcións, é de illamento, de sinalamento, de medo á represalia e de formar parte, no mellor dos casos, dun escaso grupo de persoas que asumen que ao xa complexo da vida profesional, corresponde o peso extra de facelo en galego.
Xs avogadxs que falamos galego en Sala coñecémonos case todxs, identificamos perfectamente con nome e apelidxs xs contadxs Xuícxs que empregan o galego, sabemos que as Notarías descoñecen na súa práctica a lingua galega… e sabemos tamén que, se queremos levar a nosa vida profesional na nosa lingua, debemos pagar o prezo: o de facer de tradutorxs para compañeirxs, o de non atopar procuradorxs que empreguen o galego, o da ameaza de dilación de prazos que a tradución ao galego podería producir, o de non contarmos con formularios na nosa lingua…
Ser xurista en galego é, sexamos francxs, difícil. E, en ocasións, moi difícil. Unha dificultade que afrontamos, ademais, con nulo apoio institucional ou dos colectivos profesionais. Como vimos, a Universidade nin sequera percibe os seus propios datos coma un problema (un que abordar con contundencia polo menos), algún Colexio da Avogacía segue a comunicar exclusivamente en castelán cas persoas colexiadas, non hai apoio unánime dos Decanatos nin pronunciamentos dos mesmos a prol da lingua galega, non é perceptíbel compromiso por parte da Dirección Xeral de Xustiza para un uso normal da lingua este eido (con ferramentas de software que unicamente teñen versión en castelán)…
A sensación é de que x xurista galego-falante é molestx e incordia con cousas que rozan a mala educación. Con ese estigma, sexamos clarxs, transita x xurista galego-falante. E a ese estigma queremos que se sumen as novas xeracións que, como vimos, nin sequera reciben docencia en galego? Con tales cartas queremos xuntalxs á causa da defensa da lingua? Desistirán, e xa desisten. Nun mundo xa de por si complexo, e no que a precariedade laboral campa, no que o acceso á vivenda é fondamente obstaculizado e no que a caga mesma do traballo mal deixa pensar, apetece pouco ter unha guerra máis e unha causa máis.
O heroísmo da incidencia política e o pensamento creativo
A única vía que poida augurar algún cambio positivo para a lingua galega no eido xurídico é o heroísmo. E non quere dicir isto resistencia estoica, que xa a hai; nin teimosía das persoas, que mal que pese a algúns/has, tamén hai abonda; senón de mudar soños en realidades e ideas en feitos.
Cómprenos seguir falando da exclusión da lingua, si, pero tamén plasmar o falado en accións, en incidencia política e en colectivización da loita. Precisamos facer máis do que xa facemos, e precisamos facer cousas diferentes ás que levamos décadas facemos, pois dos datos resulta que estas non parecen estar dando froitos.
Unha das exploradas no noso caso é a da incidencia política pola vía do litixio estratéxico. Isto é, realizar accións legais contra dunha situación discriminatoria, coa intención non só de rectificar unha resolución inxusta, senón de chegar co proceso tan ao lonxe coma o mesmo permita: xerando precedentes, instando a creación de xurisprudencia, mobilizando á cidadanía ou xerando movemento de opinión co apoio da prensa e das redes sociais.
É a consecuencia lóxica de causas, efectos e reaccións o que nos levou a presentarmos unha reclamación patrimonial contra do Instituto Nacional da Seguridade Social, ao se negar a manter unha comunicación normal con nós en lingua galega, e castigar a nosa insistencia en empregar o galego con represalias, na forma de nos negar información que, en ocasións anteriores, se nos tiña proporcionado sen maior problema.
A lesión dos dereitos lingüísticos é un dano, e un avaliábel economicamente e polo cal se poden exixir indemnizacións.
Pola nosa parte, e dende a nosa área de influencia profesional tomamos o compromiso de facer da causa da lingua a nosa causa, tamén coa acción, a reacción e a incidencia xurídica e política. Faremos esta loita coas ferramentas dispoñíbeis e inmediatas, mais tamén explorando as ferramentas xurídicas que, aínda non nacidas para esta loita, son, ao noso ver, utilizábeis e exportábeis, ao tempo que poden darnos unha chave máis para intentar xerar mudanzas no sistema xudicial e tamén diante da Administración Pública.
Confiamos no éxito do iniciado. Éxito que non só haberemos de medir na forma dunha estimación da pretensión, senón tamén na adquisición de coñecemento novo, de novas estratexias e novos fundamentos para futuras reclamacións e accións. Se desta primeira non resultase, a nosa ganancia está garantida ao obtermos un saber facer que nos permitirá xerar unha segunda acción máis eficiente que a primeira.
¹ Este modesto artigo pretende transcribir o breve relatorio impartido, en data de 23 de novembro de 2024, na xornada “Lingua con dereito, Dereito á Lingua – Xornada do Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Deputación da Coruña”, organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Deputación da Coruña.
A contribución buscaba realizar unha análise sintética do uso da lingua galega na Xustiza, como achega introdutoria ao relatorio da compañeira Cristina Fernández Lago.
² Agás erro ou omisión, o último destas características publicado polo Consello Xeral do Poder Xudicial.Pode consultarse no seguinte enlace:
https://www.poderjudicial.es/stfls/ESTADISTICA/FICHEROS/Datos%20de%20Justicia/Boletines%20Anteriores/Boletin%20n%C2%BA%2085%20%20Lengua%20empleada%20en%20las%20resoluciones%20finales%202020.pdf
³ Vid., entre outras fontes no mesmo sentido, os resultados da “Enquisa estrutural a fogares. Coñecemento e uso do galego”, elaborada polo Instituto Galego de Estatística, e publicada no mes de outubro de 2024.
⁴ Trátase do Decreto 14/2014, de 30 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
⁵ Nova do “Nós Diario” de 9 de xuño de 2021.
Miguel Vieito Villar
Avogado especializado en Dereito Médico, Dereito de Familia/Xestión patrimonial, e ademais experto en discriminacións



