Skip to main content
Marcos Maceira

No prólogo de Follas Novas Rosalía afirmaba que non podía desertar da bandeira que ela mesma levantara. A bandeira de Galiza: a do idioma e a da dignidade do pobo galego.

Hoxe, aquí e sempre, mantemos orgullosamente ergueita a bandeira de Rosalía. Non hai medo nin silenciamento mediático pagado con recursos públicos que nos impida combater con todas as nosas forzas a emerxencia lingüística intensificada nos últimos 15 anos polas políticas de Feixó, Rueda e o Partido Popular.

A lingua galega vivirá mentres manteñamos a súa defensa, mentres a usemos e actuemos contra a súa ocultación, negación ou expulsión. Non nos rendemos, non desertamos e non renunciamos á lingua que nos fai sermos galegos e galegas!

A lingua é vital para a nosa existencia, o noso desenvolvemento e a nosa dignidade. Se un goberno é incapaz de defender e asegurar a lingua do seu pobo, como o vai facer coa economía, co traballo, coa educación ou coa saúde? Como vai defender os intereses nacionais na Unión Europea se nin sequera ten dignidade para reclamar a oficialidade do galego? Aínda máis, como podemos confiar en que defenda Galiza un goberno presidido por quen non tivo reparos en participar nunha manifestación de odio contra o seu idioma?

Fronte a mentira, a vergoña e a manipulación contra a lingua, hoxe damos outra mostra da dignidade imbatíbel do pobo galego. Si, señor Rueda, vostedes xa foron retratados por Castelao en 50 homes por dez reás. Tamén no Sempre en Galiza: son uns imperialistas fracasados. Seguirán a selo porque hoxe, aquí, só comeza de novo un movemento imparábel para a recuperación da lingua galega en todos os espazos e para todos os usos. A nosa conciencia e a nosa acción impedirá que enterren o galego.

A proba de que seguen a ser uns imperialistas fracasados é que non teñen abondo con que 70% das crianzas que chegan á escola falando galego saian falando só español, non lles chegan as restricións ao noso idioma no ensino e teñen que fabricar enquisas para mantelas, non lles é suficiente expulsalo dos servizos públicos e privatizados e teñen que impedilo máis na administración, na única TV que emite en galego ou nos campamentos de verán. Para Rueda até é un exceso a oficialidade do galego na Unión Europea só porque sabe que é un seguro para a súa presenza nos contratos públicos e nas actividades económicas e comerciais.

A este descaro co que atacan a lingua aínda lle chaman cinicamente bilingüismo cordial!

O 17 de novembro obrigámolos a reaccionar. Mais só venderon fume e agora enredan para tentar conter a imparábel mobilización social encargando a “revisión” do PXNLG a unhas supostas comisións nomeadas unilateralmente pola Xunta, con criterios descoñecidos e vetando a presenza das entidades representativas de cada sector: das técnicas de normalización, escritoras, actrices, produtoras, consumidores, comerciantes, ensinantes, pedagogos, sindicatos.

Paralelamente, porque os trampulleiros non se fían nin das súas cartas marcadas, acoutan no Parlamento e no Consello da Xunta os limites de calquera acordo.

Argallaron un plan de enterro do galego e demolición da oficialidade que xa foi desenmascarado.

Mentres falaban de pacto, só nos últimos 3 meses, o PP votou no Parlamento a favor de eliminar prazas de ensino de portugués que só existen en 7,5 % dos centros, incumprindo o acordo da lei Paz Andrade e da promoción da reintegración do galego no seu ámbito internacional. Votaron en contra de aplicar o artigo 9º sobre xustiza da Carta Europea das Linguas, de garantir que notarías e xestorías poidan oferecer os seus servizos en galego ou de cumprir as resolucións do Consello de Europa.

Aprobaron que a CRTVG poida deixar de usar o galego e de ser a única televisión que asegura o 0,9% da oferta televisiva. Eliminaron o galego no proxecto de lei de intelixencia artificial para non imporllo ás máquinas. Expulsan o galego dos campamentos xuvenís públicos. Presentan enquisas de realidade alternativa  para negar a emerxencia lingüística e vendernos o seu paraíso lingüístico onde non hai sitio para o noso idioma.

Canto de galego están dispostos a admitir?

A quen queren enganar? Quen gaña con todo isto?

Son mentireiros, trampulleiros e indignos de representar ninguén. Se tivesen un chisco de vergoña demitirían.

E aínda se atreven a dicir que hai que deixar a lingua fóra da política. Como se o idioma só puidese existir no ámbito privado. Que a oferta de galego sexa menos de 1% no audiovisual, na xustiza, nos xogos ou no lecer ten solución política. A exclusión da oferta e as dificuldades para termos atención en galego en servizos públicos ou privatizados, ten solución política. As prohibicións e as restricións ao uso de galego no ensino, teñen solución política.

Aplicar o PXNLG era unha necesidade hai 20 anos. Hoxe é urxente. A vontade móstrase con feitos, non con enganos. Señor Rueda, se a vontade é real a que espera?

Non imos esperar por vostedes. Entre todas e todos nós darémoslle solución. O único e verdadeiro pacto pola lingua está hoxe aquí. Miles e miles de persoas orgullosamente galegas, centos de colectivos sociais e ducias de concellos xa constituíron plenarios de Queremos Galego. Pódese sumar quen quixer. Non poñemos máis condición que a do compromiso coa normalización e o futuro do noso idioma. A Xunta de Galiza xa sabe como rectificar. Os principios e medidas urxentes que propomos son o primeiro paso. Mais se continúa a renegar da súa responsabilidade, asumirémola nós, conscientes dos nosos limites mais tamén da nosa forza colectiva.Non imos desertar da bandeira de Rosalía e Castelao. Non nos renderemos.  Non pararemos até no PP rectificaren. Saben como facelo: executando os acordos unánimes, cun calendario de acción inmediata que derrogue o decreto contra o galego no ensino e todas as disposicións e normas contrarias ao PXNLG, avaliando o seu cumprimento e garantindo e restabelecendo a oferta do noso idioma en todos os ámbitos e sectores da vida social.

Fronte aos que nos queren expropiar a lingua, reapropiémonos dela, todos e todas, sen distinción de ningún tipo. A lingua é vital para o pobo galego. Fronte ao odio querémola viva e usada en todos os ámbitos e contextos.  Impulsarémola coa forza da unidade e a nosa perseverancia. Este é o pacto da lingua.

LINGUA VITAL XA!   

QUEREMOS GALEGO!


Marcos Maceira Eiras
Voceiro da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
Intervención na manifestación nacional do 23 de febreiro de 2025
Un grupo de persoas con bandeirolas durante unha manifestación de Queremos Galego
LongaLinguaOpinión

Chea de futuro

Longa LinguaMarzo 7, 2025

Leave a Reply