Skip to main content
Mónica Fernández Valencia

A CTNL é unha asociación creada en 1996, cuxo obxectivo principal é defender os intereses xerais dos traballadores e das traballadoras de normalización lingüística, promovendo a súa formación continua e mellorando o proceso de promoción do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade.

Entre os seus obxectivos destaca a dignificación do traballo dos técnicos e das técnicas dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL), así como a procura de solucións ás principais eivas no ámbito da normalización lingüística en Galiza. Para acadar estes fins, a CTNL fomenta o contacto e a coordinación entre os traballadores e as traballadoras de normalización, difunde información sobre a lingua galega, organiza accións formativas, elabora propostas para facer máis efectivo o traballo a prol do galego, defende os intereses profesionais do colectivo e traballa para mellorar o proceso de promoción social do uso do galego, entre outras accións.

Desde a Coordinadora, buscamos crear espazos de encontro e fomentar o traballo en rede. A través das actividades que organizamos de forma directa, centramos a nosa atención en formacións anuais sobre materias e ámbitos que consideramos de especial relevancia. Exemplos disto son: os SNL como centros xestores de recursos públicos, estratexias de educación social para SNL, as redes sociais como ferramentas valiosas para a normalización lingüística, deseño e maquetación de materiais, fundamentos de marketing e comunicación, entre outros.

Ademais, colaboramos con outras entidades e organizacións, como o Consello da Cultura Galega, na organización anual dos Encontros para a Normalización Lingüística e no Curso de Verán Traballando en Lingua, promovido pola Universidade da Coruña. Deste último saíron iniciativas innovadoras que se aplicaron en diversos concellos, como o Proxecto Apego, orientado a fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial, ou o Proxecto YouTubeiras, destinado a visibilizar e motivar a creación dixital en galego.

Outra liña de acción da Coordinadora é a de crear proxectos, campañas e premios que recoñezan e difundan o traballo ben feito a prol da lingua galega. Destacan, na actualidade, dúas iniciativas activas: o LGx15: Ideas para o futuro da lingua e os Premios Mil Primaveras, que teñen como obxectivo premiar e dar visibilidade a traballos destacados na defensa e promoción do galego.

Situación do galego no ámbito municipal

A situación do galego no ámbito municipal é moi desigual entre os diferentes concellos, principalmente debido ás diferenzas de poboación e recursos, pero tamén á vontade política existente en cada municipio.

A administración local xoga un papel fundamental no proceso de normalización da lingua galega, dado que é a administración máis próxima á cidadanía, o que lle permite aplicar medidas directas e adaptadas ás necesidades da poboación e do territorio. Así, ten tanto a obriga legal como a responsabilidade social de apoiar e promover a normalización lingüística. Para cumprir con esta responsabilidade, os concellos deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras.

Os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) son os departamentos técnicos encargados de desenvolver estas políticas. Con todo, só un 20% dos concellos contan cun servizo especializado neste ámbito. A falta de recursos en moitos municipios, especialmente nos de menor poboación (máis da metade dos concellos galegos teñen menos de 20.000 habitantes), dificulta a creación de unidades técnicas especializadas. No entanto, existen alternativas que poden mellorar esta situación, como a de compartir o persoal técnico entre varios concellos, a asunción dun papel máis activo por parte das deputacións provinciais ou a creación de consorcios que permitan optimizar recursos.

A realidade amosa que a normalización lingüística avanza especialmente alí onde hai unidades técnicas especializadas que loitan por ela. Nos concellos que dispoñen de SNL con persoal cualificado e recursos suficientes, observase a implantación de políticas activas que funcionan como un muro de contención contra a perda de uso da lingua.

Ademais de contar con servizos técnicos especializados, a administración local tamén pode xogar un papel clave na normalización do galego a través da regulación do uso da lingua por medio dunha ordenanza municipal. Esta ordenanza lingüística establece as bases e axuda a fixar criterios claros e coherentes para o uso oficial do galego no municipio en todos os ámbitos.

A Secretaría Xeral de Lingua e a Rede de Dinamización Lingüística

A Secretaría Xeral de Lingua (SXL) ten a obriga legal de asumir a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega, así como de coordinar os servizos de normalización lingüística en todo o territorio. Para dar cumprimento a esta responsabilidade, creou a Rede de Dinamización Lingüística. Con todo, actualmente esta rede non está a cumprir plenamente a súa función para a que foi creada. A súa actividade non esixe a existencia de unidades técnicas especializadas nos concellos asociados, nin se lles requiren condicións mínimas como o uso do galego ou o compromiso activo coa súa promoción. A súa actuación, en moitos casos, reduciuse a distribuír actividades culturais e festivas sen un enfoque claro de normalización lingüística. Ademais, non se ofrece asesoramento técnico especializado, e tampouco existen obrigas para os seus membros, o que limita notablemente a súa eficacia.

Ademais, a SXL mantén aberta unha liña de axudas para o fomento do galego nos concellos, que está orientada á creación e mantemento dos servizos lingüísticos, así como á organización de actividades de dinamización lingüística. Con todo, é importante sinalar que a contía destas axudas minguou máis da metade nos últimos quince anos, o que reduce significativamente a súa capacidade de apoiar adecuadamente a normalización lingüística no ámbito municipal.

De forma paralela, varios concellos comprometidos coa lingua galega crearon a asociación Alingua, que si está a funcionar como unha rede real de colaboración. Esta asociación planifica, xestiona e implementa accións conxuntas co obxectivo principal de incrementar o uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais. Para formar parte dela, os concellos deben contar con Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e realizar unha achega económica para o seu funcionamento. Isto, no entanto, limita a participación de administracións pequenas ou aquelas con menos recursos, que non poden afrontar este tipo de custos.

Revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) supuxo, no seu momento, un fito importante ao facerse realidade unha vella demanda: a de dar paso a unha planificación lingüística que redundase na ampliación dos usos e na mellora do prestixio da lingua galega. Con todo, 20 anos despois, resulta evidente que os seus cinco obxectivos xerais continúan sendo plenamente válidos. O documento aprobado en 2004, aínda que con pequenos axustes e actualizacións necesarios para atender ás mudanzas e transformacións sociais acontecidas nestas dúas décadas (como o auxe das redes sociais, a irrupción da intelixencia artificial, ou a maior poboación inmigrante), segue a ter plena validez na actualidade.

Con todo, a revisión do PXNLG debería reforzar as estruturas de traballo existentes, así como reivindicar o papel fundamental que xogan os técnicos e as técnicas de normalización lingüística, que no plan de 2004 non se mencionan de forma suficiente. A súa implicación é clave para implementar eficazmente as políticas de normalización e garantir que a lingua galega siga a estar presente en todos os ámbitos da sociedade.